Co proxecto “Coidar de nós, para coidar da cultura”, a AGPXC quere avanzar cara modelos máis sustentables de traballo na xestión cultural. O que sen dúbida tamén incidirá na calidade e impacto dos propios proxectos para os seus destinatarios finais: a cidadanía. Inspirámonos con este fin no marco da Axenda 2030 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU. Poñendo o foco en concreto en dous destes ODS: traballo decente (nº 8) e saúde e benestar (nº 3).
Quixemos ir máis aló dos encontros terapéuticos e abrir un proceso colectivo na busca de diagnoses máis concretas, iniciativas inspiradoras e posibles solucións prácticas.
Esta iniciativa, contou para o seu impulso inicial entre 2022 e 2023 co apoio económico principal do Ministerio de Cultura e Deporte. E segue a liña doutras iniciativas anteriores que a AGPXC impulsou arredor das boas prácticas profesionais. A través de espazos de reflexión, elaboración de manuais, guías e proxectos web con experiencias inspiradoras.
Todos os contidos están dispoñibles en galego e castelán, co obxectivo de que sexa unha ferramenta de utilidade profesional para compañeiras do ámbito iberoamericano. En todo este proceso a AGPXC contou co apoio da Federación Estatal (FEAGC) e outras asociacións profesionais estatais. Ademais de coa participación activa de moitas xestoras e xestores culturais, tanto do ámbito público como do privado.
En 2024 o proxecto inicia unha nova fase co apoio económico da área de Cultura da Deputación Provincial da Coruña, que permitirá desenvolver novos recursos e accións adaptadas á realidade profesional galega.